viernes, 7 de septiembre de 2007

OUTRO MUNDO É IMPOSÍBEL (PARAPLEXIA)

Cando éramos novos e amábamos coma idiotas
Mike Tyson batía coa furia inconsciente do proletariado sobre o ring
Mao Tse Tung tatuado no brazo, os peores
ou millores, asegún se mire
barrios negros de New York a albiscar
coma nós, abraiados, a vinganza.

Cando éramos novos e amábamos coma idiotas
Ernesto Cardenal empuxábanos á meditación
nunha paixón liberadora que non comprendíamos
mais dicíamos: seremos coma o Che.

Cando éramos novos e amábamos coma idiotas
aparecía aquela mociña e era o apocalipse
viñan os Backyard Babies de xira e entregábamonos máis alá do
imaxinábel
que non haxa dúbida, pensábamos, tamén
pero sentíamos a comunión dun xeito que ningunha caste de ritual chegara a resumir
e fenecimos
en alta mar coma fenicios
en estulticia recreada coma filisteos, fonte de todo mal.

Cando éramos novos e amábamos coma idiotas
Mike Tyson non caía no ring con dúas cexas e os beizos partidos de
diagnóstico
igoal cós meus beizos, así partidos
dispois de dous ou tres simulacros de apocalipse,
era daquela que Ernesto Cardenal non escribía
senón vivía as súas memorias
daquela, si daquela que mirábamos ás mociñas
e tratábamos de estar con elas tres semanas (unha vida)
pensábamos le-lo todo
inza-lo en bandeiras ou poemas
procramar perdas da inocencia por etapas
éramos novos, amábamos coma idiotas
agora, aínda novos, sendo idiotas, non amamos
e vemos a Tyson, perdendo, en directo, pola tele
doinos, lembrando cando amábamos coa súa violencia
e constatamos, coa campana do ring
a difícil ciencia dun mundo cun amor, o noso, evaporado
a imposíbel escapatoria dun mundo que é, será, sen nós.

E logo que quedará de canda éramos novos e amábamos coma idiotas?

Pode que un libro a xeito de tratado de psiquiatría
palabras soltas que nin sequera evocamos
un disco descatalogado que con esforzo mercaremos de importación
moitas bibliotecas que non visitamos mais quixemos
mociñas que xa non o son en fotos sen negativos
ou ben o diagnóstico apresurado do médico de garda daquel ring
o noso...

Se tivésemos acertado un só gancho
reescribiríamos a Historia
e eiquí estamos, con estes ollos póstumos, sacrílegos, idiotas.


(De "Xogo Dinámico con Información Imperfecta". Alí Omar, 2001-2002)

No hay comentarios: